domingo, 19 de abril de 2015

Visitamos a imprenta

Na nosa visita á C.A. Gráfica S.A. de Mos, recibiunos David Alonso para guiarnos e explicarnos todo sobre a imprenta. Contounos que nesta empresa imprímese papel e cartón, aínda que ao principio só se imprimía papel -de feito, era a empresa nº 1 no oeste de España en impresión en papel, pero coa crise e coa caída do papel -de entre un 30% e un 40%- víronse obrigados a imprimir cartón, que é algo que se mantén por ser necesario para envasar os alimentos.

Primeiro visitamos a oficina onde se realiza o proceso de preimpresión. Alí é  onde os autores envían os seus traballos (en calquera dos seguintes formatos, jpgpsdpdf), e eles edítano para facelo apto para a impresión. Traballan co formato PDF por ser archivos pequenos e con boa calidade de visualización. Unha vez editados, envíanse os traballos aos autores, e se estes dan o seu visto bo, comeza o proceso de impresión.


Pasamos a outra dependencia onde nos explicou como funciona a imprenta tradicional. Na imprenta tradicional, o traballo transfórmase e descomponse en catro cores, e despois, na máquina vólvense a xuntar. Así, cas catro cores conséguense todos os matices que sexan necesarios, exceptuando cores metálicas. Agora mesmo existen imprentas con nove cores, conseguindo máis matices. Este mecanismo é o mesmo que seguen as impresoras que temos nas casas. David explicounos que, antigamente, este proceso facíase cunha mesa de luz. Sacaban catro negativos do traballo e nesa mesa colocábanse uns sobre outros, intentando que coincidinse perfectamente os uns cos outros, e posteriormente levábanse a unha plancha para imprimir, se insolaban con raios ultravioleta e se mandaban á máquina. Con este método había desaxustes a miúdo, pois conseguir que os catro negativos cadrasen era complicado. Ademais, levaba arredor dunha hora completar o proceso. Agora, todo este proceso faise mediante ordenador.


Pasamos á seguinte sala, onde puidemos ver a CTP. En planchas de aluminio (aínda que antigamente usábanse películas), a CTP marca con láser o diseño desexado. Antigamente, as películas gardábanse para non ter que repetir o proceso manual en caso de que o autor pidese que lle imprimisen máis copias do mesmo traballo. Chegaron a necesitar 500 m2 para almacenar negativos e películas. Agora, as pranchas de aluminio desbótanse ,  e os traballos gárdanse en ordenadores, que 
só ocupan un espacio de 10 m2.

Continuamos ata a nosa seguinte parada, un enorme espacio onde se atopan as impresoras. Levounos por enriba dunha destas grandes máquinas, e puidemos ver as tintas de diferentes cores. Alguén preguntou se as cores non se taparían unhas a outras seguindo ese proceso, e David díxonos que as cores fan como un tecido, non se tapan en ningún momento. Despois, ensinounos o resultado final dunhas fotografías que imprimiran, e ensinounos como de preto podía apreciarse esa trama da que nos falou, como pequenos puntiños que, de lonxe, facían a ilusión da cor uniforme. Tamén contou que, ao terminar o proceso de impresión, se lle daba unha capa de barniz ao papel para evitar que ao apilalo, se estropease.


Ademais, estas fotos tiñan textura. Explicounos que, actualmente, pódese dar textura ás imaxes, e incluso olor. Engadindo una máscara extra en algún programa como o Photoshop e usando unha quinta plancha de aluminio, a máquina recibe a orde de dar textura, e fai o efecto mediante barnices. Un proceso parecido úsase para dar olor, para o que se usa tintas con esencias ou se mezcla o barniz con microcápsulas, que ao pasar o dedo rompen e desprenden o olor.
Pasamos a ver a parte onde se realizaban envases de cartón. O proceso  é case o mesmo, pero despois de realizar a impresión,  lévanse ao troquelador, que mediante troqueis corta o cartón. Posteriormente, lévanse a unha máquina que os dobra e pega as partes que sexa necesario pegar.


Por último, fomos a ver unha impresora dixital. Contounos que a impresora dixital era máis rápida, e que con ela non había risco de que houbese desaxuste,  pero que os limitaba  no tamaño e no grosor do papel.


Para rematar coa visita, David imprimiunos e deunos unha foto que nos sacara ao principio do día, o que foi unha bonita sorpresa. Dende logo, saímos de alí con novos coñecementos e un agradábel sabor de boca.  GRAZAS DAVID .
                                                                                    Artigo escrito por: Area María Guede Ramos -   4º ESO-  IES as Barxas


















No hay comentarios:

Publicar un comentario